jueves, 12 de febrero de 2009

Buena dicha

(Nunca es tarde si la dicha es buena, se podría decir respecto a esta noticia, que ojalá corra como la pólvora)

A Axencia Audiovisual Galega inicia a segunda fase do proxecto ´Memoria do Século XX´

12-02-2009

A Axencia Audiovisual Galega vén de poñer en marcha a segunda edición do proxecto "Memoria do século XX". Ao longo deste ano a axencia traballará na recuperación de filmacións en pequenos formatos (súper 8 e 16mm, principalmente) que se atopan en mans de particulares. O obxectivo é sacar á luz boa parte do patrimonio audiovisual galego que ata agora permanecía agochado.

O proxecto "Memoria do século XX" ten como obxectivo salvagardar parte do patrimonio audiovisual galego que fica gardado da man dos seus propietarios. Trátase de recuperar pezas que teñen un gran valor cultural e etnográfico. A segunda fase desta campaña desenvolverase durante todo o 2009, centrada na recuperación de filmacións das décadas dos sesenta e os setenta do pasado século.

A Consellaría de Cultura encárgase de restaurar as películas e devolvelas aos propietarios sen custe algún nun formato dixital moderno, como o DVD. Todas as películas que se obteñan mediante esta campaña de recuperación serán revisadas, reparadas, lubrificadas e, finalmente, telecinadas dixitalmente e debidamente catalogadas. Os orixinais cinematográficos poden devolverse aos propietarios ou quedar en depósito na Consellería de Cultura. En calquera caso, os dereitos das imaxes seguen sendo do depositario do filme.

150 horas de filmes recuperadas en 2008

A primeira fase do proxecto desenvolveuse en 2008. Localizáronse bobinas familiares achegadas por particulares en formatos de 8 mm (standard 8, súper 8, single 8, Polavisión), e outros formatos de cine estreito empregados polos afeccionados en Galiza (16mm, súper 16, 17.5 mm e incluso 9.5 mm). Así obtivéronse máis de 150 horas de películas orixinais filmadas por afeccionados.

Descubríronse pezas de gran valía, datadas entre os anos 30 e a década dos 80. Entre as imaxes recuperadas e dixitalizadas inclúense pezas históricas sorprendentes, como as únicas imaxes cinematográficas do hidroavión DO-X, orgullo da aviación alemá, amerizando no porto da Coruña en novembro de 1930. Tamén as obras cinematográficas de cineastas como Ulises L. Sarry, Rafael Sabugueiro, Alfonso Bartolomé e Xesús Mendez, entre outros. Algunhas delas, como "A romaría da morte" (Alberto Estevez, 1974) e "Campaneiros de Arcos" (Xesús Méndez, 1981) están dispoñibles no portal Flocos.TV.

No 2009, cinema afeccionado dos anos 60 e 70

A segunda edición do proxecto que se pon agora en marcha e durará todo o ano 2009 centrarase no rescate de material analóxico en 16 mm e en Súper 8. A presente campaña será máis selectiva, enfocada sobre todo nas pezas do cinema afeccionado dos anos 60 e 70.

A Axencia Audiovisual Galega está xa a traballar na restauración do material do grupo Deza Cinema Popular Galego, proxecto de Daniel González Alén. O proxecto está composto por numerosos títulos producidos dende comezos dos 60 a finais dos 70, ficcións e documentais que abordan o mundo rural e o incipiente mundo urbano daquel tempo nas terras do Deza.

Outra liña de traballo moi avanzada está encamiñada á recuperación da produción audiovisual de colectivos moi activos e creativos dos 70, como os equipos Lupa, Imaxe ou Enroba, así como numerosos autores independentes que se converteron na base dos profesionais do audiovisual galego actual.

Estas pezas serán catalogadas con rigor historiográfico, e moitas delas sairán a luz pública en Flocos.TV. Isto permitirá que os cidadáns galegos poidan participar e gozar dun patrimonio que ficou invisible por moito tempo.

As persoas interesadas que posúan materiais audiovisuais en soporte doméstico poden dirixirse a :

Axencia Audiovisual Galega (AAG)

R/ Angustia, 2, baixo, 15703, Santiago de Compostela

Teléfonos: 981 575 000 / 981 577 829/ 881 975 949

Email: audiovisual.cultura@xunta.es

No hay comentarios: